luns, 28 de setembro de 2015

Comeza o Programa Integrado Inserames-Brión VIII

O pasado día 1 de setembro deu comezo oficialmente a oitava edición do Programa Integrado Inserames-Brión 2015-2016 que desenvolven conxuntamente os Concellos de Ames e Brión ao abeiro da ORDE do 31 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2015 e 2016 (DOGA de 16 de xaneiro de 2015).

Nesta edición o Programa ten unha duración de 12 meses, rematando o 31 de agosto de 2016.
Ao longo deste mes de setembro estivemos completando o proceso de selección dos 80 participantes no Programa, cos candidatos remitidos pola oficina de emprego, e que nesta edición deben cumprir os requisitos de ser menores de 30 anos e cunha formación rematada máxima de Bachareleto.
Ao mesmo tempo iniciamos a primeira rolda de entrevistas de orientación, na que imos coñecendo aos participantes, o seu perfil formativo e profesional, as súas expectativas, e establecendo dacordo con cada un, os primeiros pasos a dar.

O obxectivo prioritario do Programa Integrado é axudar ós participantes a acadar un posto de traballo o antes posible, ou cando menos, que melloren a súa empregabilidade coa participación nas diferentes actividades.

Que actividades imos desenvolver?

Un Programa Integrado de Emprego pode incluir diversos tipos de accións, que ofrecen flexibilidade para axustar o itinerario de cada participante en función do seu perfil, as súas necesidades e as súas expectativas. Estas accións poden ser:
 - Itinerarios Personalizados de Inserción: titorías individuais
 - Cursos de formación para a procura de emprego
 - Formación transversal
 - Formación específica para o emprego
 - Prácticas non laborais
 - Prospección de empresas
 - Intermediación laboral
 - Formación e asesoramento para o autoemprego

Cada participante irá deseñando o seu propio itinerario coa axuda dos titores do Programa: cursos que máis se lle axeiten, prácticas, titorías...O mínimo de participación que se require é de 5 accións individuais e outras 3 accións de diferente natureza. 

As actividades desenvólvense no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, situado na Urbanización Aldenova, onde contamos con aulas, talleres e despachos, con todo o equipamento necesario.

 
Para a realización das prácticas non laborais, estableceremos acordos con empresas da contorna coas que asinaremos convenios de colaboración.

A través do contacto permanente coas empresas e con outras entidades (Concellos, Axencia Local de Colocación, ETT´s, Asociacións de empresarios, etc.), tentaremos detectar oportunidades para os participantes, de xeito que poidamos facilitar e axilizar a súa incorporación ao mercado laboral.

Próximos cursos

No mes de outubro daremos comezo os primeiros cursos. Serán obradoiros de curta duración, de carácter práctico, relacionados con distintos aspectos do proceso de procura de emprego: elaboración de CV, procesos de selección, entrevistas de traballo, busca de emprego por Internet, redes sociais para a procura de emprego, etc.
E un pouco máis adiante, dará comezo a formación transversal e a formación específica, completando un primeiro bloque de cursos ata finais de 2015.


Comunicación e redes sociais

Dende o Programa temos establecidas diferentes vías para ir informando aos participantes das actividades, así como para darnos a coñecer e establecer canles de comunicación recíprocas. 
Ademáis do correo electrónico e o teléfono como medios de comunicación individuais con cada participante, vimos utilizando, xa dende edicións anteriores, a nosa páxina en Facebook, onde facilitamos información das actividades do Programa, así como outras novas que podan resultar de interese: ofertas de emprego, boletíns, convocatorias de exames, etc.

Tamén imos activar unha conta en Twitter...e claro, este blogue que agora comezamos.

Tentaremos, con entradas periódicas, contar o que imos facendo no Programa, así como comentar cuestións que podan ser de interese.

Benvid@s!!!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario