martes, 29 de diciembre de 2015

Charla sobre a preparación das Competencias Clave

E para despedir o ano, esta mañá, Sandra Pedrares, da empresa AMES FORMACION, impartiu unha pequena charla sobre o siginificado das competencias clave, para que habilitan, cales son os requisitos de acceso, os tipos de probas que se realizan, ... 

 En definitiva, o obxectivo da charla foi aclarar moitas dúbidas acerca das competencias clave e súa diferenza coa formación regrada, dos certificados de profesionalidades, e motivar aos alumnos e alumnas para que se presenten á convocatoria deste ano das competencias clave de Nivel 2, a través do curso preparatorio que realizaremos no marco do Programa InserAmes Brión VIII, de cara os meses de marzo e abril, dependendo da data oficial do exame da Xunta de Galicia. 



Se precisas mais información sobre as Competencias Clave podes consultar o seguinte enlace: 

Iremos informando ao longo do 2016 sobre a convocatoria e as datas do curso preparatorio que imos poñer en marcha.

lunes, 21 de diciembre de 2015

Formación en decembro

Xa estamos en decembro, e seguimos coa programación de cursos correspondentes 2015.

Neste final de ano os cursos que se están a realizar son os seguintes:

- "Técnicas básicas de produción téxtil: ensamblaxe de prendas de vestir": este curso, xa iniciado en novembro, continúa coa formación teórico-práctica, parte da cal xa se desenvolve na empresa TEXDOBRA, S.L. No mes de xaneiro de 2016 darán comezo as prácticas non laborais na mesma empresa.

- O pasado día 3, impartiuse unha nova edición do curso de "Manipulador de alimentos", homologado según a normativa vixente.

- Do 9 ao 18 levouse a cabo o de "Inglés básico", no que se iniciou aos participantes na lingua inglesa. Este curso terá unha contiuación co de "Inglés intermedio: atención ao público", que se levará a cabo no mes de xaneiro.

- Por último, deu comezo "Prevención de riscos laborais. Nivel básico", tamén homologado. Este curso impártese en modalidade mixta, con dúas sesións presenciais (o día de inicio e o día de remate), facendo o resto os alumnos por teleformación a través dunha plataforma web, ou ben a distancia, con material didáctico que se lles facilita ao principio do curso.

jueves, 17 de diciembre de 2015

As Prácticas Non Laborais no Programa Integrado

Qué son as Prácticas Non Laborais?

Ao longo das anteriores edicións do Programa Integrado para o Emprego Inserames-Brión, unha das actividades que se amosou como máis efectiva na consecución dos obxectivos de inserción, foi a realización de prácticas non laborais nos centros de traballo.

As prácticas son un complemento fundamental nos cursos de formación específica de carácter profesional, xa que é o momento no que os alumnos poden poñer en práctica o aprendido na parte formativa.
Por outra banda, constitúen un contacto directo co mundo laboral (o primeiro para moitos deles), o que lles da unha visión real dos diferentes aspectos do mesmo: desempeño das tarefas, relación cos compañeiros, relación cos superiores, cumprimento de obrigas (puntualidade, seguridade no traballo...)
Pola banda das empresas, as prácticas facilitan o coñecemento no posto de traballo de potenciais candidatos para unha futura contratación, cunha referencia directa do seu desempeño, responsabilidade, actitude e aptitudes. 


As Prácticas Non Laborais no Inserames-Brión VIII

Atopámonos a metade de decembro e estamos rematando a primeira fase de formación e prácticas no Programa Integrado.

Como xa contabamos na entrada anterior, neste mes estanse a desenvolver as prácticas non laborais, tanto do curso de "Operacións auxiliares de almacén" como do de "Operacións auxiliares de comercio".

As correspondentes ao curso de "Operacións auxiliares de comercio", xa remataron a principios de mes. Completaron o seu período de prácticas (60 horas) un total de 15 alumnos, que desenvolveron a actividade en centros de traballo de dous sectores: supermercados/hipermercados e comercio téxtil. Colaboraron un total de 5 empresas en 7 centros de traballo diferentes.

En xeral, a experiencia foi positiva. De feito, a partires das prácticas producíronse dúas insercións: a dous dos participantes as empresas fixéronlle contratos laborais para os próximos meses. 

Por outra banda, estanse a desenvolver as prácticas non laborais do curso de "Operacións auxiliares de almacén", cunha duración de 80 horas.
Neste caso están a realiza-las prácticas 17 alumnos. Desenvólvenas distribuídos en 6 empresas dos sectores seguintes: supermercados/hipermercados, comercio téxtil, bricolaxe e industria láctea.

Polo tanto, ao longo deste primeiro bloque de cursos, terán pasado por diferentes empresas e sectores un total de 32 alumnos coa realización de prácticas, completando unha formación teórico-práctica previa. Esta experiencia, aínda que "non laboral" (non implica contrato nin salario) como se indica sempre, xa a poden incorporar ao itinerario que están a realizar no Programa, así como ao seu Currículum Vitae, para posteriormente levar a cabo unha busca activa de emprego.

Co próximo remate das prácticas destes primeiros cursos, e ao achegarse as datas de especial carga de actividade polo Nadal e a continuación as rebaixas de Xaneiro, dende o Programa confiamos en que algún dos alumnos teñan continuidade e consigan un contrato de traballo.

E nos seguiremos traballando no 2016 para que todos melloren a súa empregabilidade.