mércores, 27 de abril de 2016

O uso de Internet para a procura de emprego


O uso das novas tecnoloxías das comunicacións é algo cada vez máis estendido na nosa vida cotiá. A utilización de Internet, o correo electrónico, as redes sociais, as aplicacións móbiles, etc. forman parte do noso día a día e faise case imprescindible coñecer o seu funcionamento.


Ata fai non tantos anos a busca de emprego facíase do xeito tradicional: anuncios na prensa escrita, envío do currículum vitae en papel por correo, chamadas telefónicas...Pero co "boom" de Internet este panorama mudou radicalmente, debido a inmediatez e o aforro de custos que supón a realización deste proceso de xeito electrónico, permitindo ademáis novas funcionalidades que facilitan o proceso, tanto para o recrutador como para o candidato.


O CORREO ELECTRÓNICO
Actualmente, un currículum debe incluir unha conta de correo electrónico de contacto de xeito imprescindible, igual que facemos co nº de teléfono. Moitas empresas utilizarán esa vía para comunicarse con nos. 
Como candidatos, o correo electrónico utilizarémolo para o envío do noso CV e carta de presentación cando a oferta de emprego así o indique.
Tamén faise necesario ter unha conta de correo electrónico para darse de alta en páxinas web de procura de emprego, portais especializados, webs de empresas nas que poidamos inscribirnos ou "subir" o noso CV e outros servizos relacionados.

INTERNET COMO FONTE DE INFORMACIÓN
Internet é unha fonte inesgotable de información. É inmediata. A maior parte da información que precisemos podemos atopala na Web. Isto mesmo é aplicable á procura de emprego.
Pero para non comezar unha busca de emprego "aberta" e ilimitada, faise preciso saber qué buscar, cómo buscar e ónde buscar. Para centrar a nosa procura de emprego, debemos filtrar, ser metódicos e levar un control ou rexistro da mesma, onde reflictamos a información máis importante que se derive deste proceso: empresa, actividade, data de envío do cv, persoa de contacto, correo electrónico, páxina web...o que se denomina "axenda de busca de emprego".
En función do tipo de posto de traballo que estamos a buscar e do noso perfil profesional, poderemos "afinar" máis a procura: por sector, por categoría, por zona xeográfica, por tipo de contrato...
Chegaremos así a localizar a información máis axeitada para nos: empresas que podan necesitar o noso perfil na nosa zona de busca, ofertas actuais, portais de emprego específicos do sector, etc.
  
CANLES DE PROCURA DE EMPREGO POR INTERNET
Existen diferentes vías de busca de emprego a través de Internet. Podemos utilizar as que máis nos interesen, sempre axustándonos aos nosos obxectivos, tal e como indicabamos antes. Repasamos as canles máis habituais.


Portais de emprego - Trátase de páxinas web onde se conectan ofertas de emprego que insertan as empresas con candidatos rexistrados no portal. Cada candidato dase de alta cos seus datos persoais, formativos e profesionais, ademáis de incluir as súas preferencias en canto a tipo de posto de traballo, zona xeográfica, pretensións económicas, tipo de contrato, etc.
Podemos configurar o noso perfil para que nos cheguen as ofertas ao noso correo electrónico. Si algunha nos interesa, inscribímonos e logo podemos facer un seguimento do proceso.
Os portais de emprego máis importantes son: Infojobs, Infoempleo, Monster, Laboris, Indeed, etc.
Tamén existen portais de emprego especialiazados en sectores concretos: Hosteleo (ámbito hosteleiro), Tecnoempleo (ámbito tecnolóxico), etc.


Empresas de Traballo Temporal - As ETT son empresas que seleccionan e contratan traballadores para que estes presten os seus servizos nunha empresa "usuaria", normalmente de xeito puntual (para cubrir baixas, vacacións, puntas de traballo...). Actualmente, a maior parte delas permiten incluir o CV nas súas bases de datos a través das súas páxinas web, así como inscribirse nas ofertas de emprego que publican. As Empresas de Traballo Temporal máis importantes son: Adecco, Nortempo, Manpower, Flexiplan, Randstad, etc. Máis información na entrada do blog do pasado 27/01/16.

Consultoras de rrhh e selección de persoal. As axencias de colocación - Estas empresas levan a cabo procesos de selección de persoal para outras empresas. Os seus servizos habituais inclúen a captación de candidatos para elaborar unha base de datos dos perfiles que máis lles demanden. Moitas delas están especializadas: perfís técnicos, mandos intermedios e directivos, etc.
As empresas clientes encargan a realización dun proceso de selección para cubrir un posto cunhas características e unhas condicións determinadas. A consultora leva a cabo as distintas fases do proceso e presenta finalmente dous ou tres candidatos válidos á empresa, que será a que decida.
De igual xeito que as ETT, as consultoras normalmente dispoñen de páxina web na que os candidatos poden incluir os seus perfís e CV. Tamén utilizan o correo electrónico para a recepción dos CV e cartas de presentación e a comunicación co candidato.
Podemos incluir neste apartado as "axencias de colocación". Son entidades, públicas ou privadas, que ofrecen servizos como: asesoramento para o emprego, intermediación laboral, orientación, plans de formación, selección de personal, etc. Facilitan a inscrición na súa base de datos aos demandantes de emprego. 

Prensa - Ata fai uns anos, unha das canles principais para a procura de emprego foi a prensa escrita. Esta vía diminiu moito, principalmente pola crise económica (que reduciu moito as ofertas de emprego) e por outra banda, polo auxe dos medios dixitais.
Actualmente, a prensa dixital inclúe seccións específicas de anuncios de emprego, aínda que en moito menor medida.

Webs de empresas - Moitas empresas, sobre todo as máis importantes, dispoñen nas súas páxinas web dun apartado específico de emprego, onde normalmente publican ofertas ou vacantes que teñen nun momento dado. Os candidatos poden inscribirse e incluir o seu perfil, ou subir o seu cv, tanto para as ofertas existentes como para formar parte da base de datos para futuros procesos de selección.

Outros servizos de emprego - Neste apartado podemos incluir os servizos de emprego de institucións públicas, organizacións empresariais, sindicatos, universidades, etc.
O Servizo Público de Emprego de Galicia, ademáis de outros servizos para ofertantes e demandantes de emprego, publica no apartado correspondente da súa web ofertas de emprego que podemos consultar e mesmo inscribirnos nelas.
O SEPE ten na súa páxina web un apartado con ofertas de emprego que podemos consultar.
Do mesmo xeito, estarían as ofertas que publican as asociación de empresarios, as axencias de colocación e outras entidades. Nalgúns casos, publican boletíns periódicos cunha recopilación de ofertas. E outras publican ofertas nas que nos podemos inscribir previo rexistro. Algunhas delas:
Axencia Local de Colocación de Santiago - http://axencialocaldecolocacion.org/ofertas. Tamén publican un boletín semanal.
Confederación de Empresarios de Galicia - Boletín semanal que publica na súa web.
Cruz Vermella Santiago - Boletín que publican no seu Facebook

Mención aparte merecen as redes sociais. O seu uso para a procura de emprego e a diferenciación co uso persoal merecen un post específico, que deixamos para máis adiante.