martes, 18 de octubre de 2016

Inicio da nova edición do Programa Inserames-Brión

Comeza unha nova edición do Programa Integrado Inserames-Brión. Xa imos polo IX Programa, e nesta ocasión volve a ter unha duración de 12 meses, dende o pasado 1 de setembro ata o 31 de agosto de 2017.

O Programa segue a ser unha iniciativa conxunta dos Concellos de Ames e Brión ao abeiro da ORDE do 30 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017 (DOGA de 30 de decembro de 2015).

Ao longo do pasado mes de setembro estivemos completando o proceso de selección dos 60 participantes no Programa, cos candidatos remitidos pola oficina de emprego. Os requisitos que deben cumprir nesta edición son: estar inscritos como demandantes de emprego e ser menores de 30 anos. Ademáis, o 80% deberán ter unha formación rematada máxima de Bacharelato, mentres que as restantes prazas poden estar cubertas por participantes con calquera titulación.

Ao mesmo tempo iniciamos a primeira rolda de titorías de orientación (entrevistas de acollida e diagnóstico) , na que imos coñecendo aos participantes, o seu perfil formativo e profesional, as súas expectativas, e establecendo dacordo con cada un, os primeiros pasos a dar no seu itinerario de inserción.
O obxectivo prioritario do Programa Integrado é que, co desenvolvemento das diferentes actividades que cada participante acorde realizar cos titores, mellore a súa empregabilidade para acadar un posto traballo o antes posible.

Accións a desenvolver

Do mesmo xeito que na edición anterior, o Programa Integrado de Emprego pode incluir diversos tipos de accións, que ofrecen flexibilidade para axustar o itinerario de cada participante en función do seu perfil, as súas necesidades e as súas expectativas. Estas accións poden ser:
- Itinerarios Personalizados de Inserción: titorías individuais
- Cursos de formación para a procura de emprego
- Formación transversal
- Formación específica para o emprego
- Prácticas non laborais
- Prospección de empresas
- Intermediación laboral
- Formación e asesoramento para o autoemprego

Como novidade desta edición, algunhas accións formativas levaranse a cabo na modalidade de teleformación, favorecendo a flexibilidade na súa realización así como a inmersión nas novas tecnoloxías para os participantes.
Para elo, implementaremos unha aplicación de teleformación e xestión, que permitirá tanto aos técnicos do Programa como aos participantes, o rexistro e control de toda a actividade do Programa, así como a inscrición en cursos, fixar titorías, e sobre todo, a realización de formación on line, cun amplo catálogo de especialidades, que poderán ir elixindo dacordo aos itinerarios fixados.

Por outra banda, incorporaremos "itinerarios formativos": combinar accións formativas (específicas, transversais, homologadas...), de forma que no mercado laboral se valore especialmente esa complementariedade.

Cada participante irá deseñando o seu propio itinerario personalizado de inserción coa axuda dos titores do Programa: cursos que máis se lle axeiten, prácticas, titorías...O mínimo de participación que se require é de 5 accións individuais e outras 3 accións de diferente natureza (cursos, prácticas, etc.)

Próximos cursos

Neste mes de outubro daremos comezo os primeiros cursos. Serán obradoiros de curta duración, de carácter práctico, relacionados con distintos aspectos do proceso de procura de emprego: elaboración de CV, procesos de selección, entrevistas de traballo, busca de emprego por Internet, redes sociais para a procura de emprego, etc.
E a partires de novembro, dará comezo a formación transversal e a formación específica que incluirá prácticas non laborais, completando un primeiro bloque de cursos ata finais de 2016.


Comunicación e redes sociais

Dende o Programa temos establecidas diferentes vías para ir informando aos participantes das actividades, así como para darnos a coñecer e establecer canles de comunicación recíprocas.
Ademáis do correo electrónico e o teléfono como medios de comunicación individuais con cada participante, vimos utilizando, xa dende edicións anteriores, a nosa páxina en Facebook, onde facilitamos información das actividades do Programa, así como outras novas que podan resultar de interese: ofertas de emprego, boletíns, convocatorias de exames, etc.

Contamos con perfil en Twitter, así como este blogue no que xa dende a edición anterior imos contando as actividades que realizamos, artigos de interese, etc.

As actividades desenvólvense no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, situado na Urbanización Aldenova, onde contamos con aulas, talleres e despachos, con todo o equipamento necesario.

Benvid@s!!!
 




No hay comentarios:

Publicar un comentario