luns, 13 de marzo de 2017

Formación 2017


Estamos iniciando o mes de marzo e a partires da segunda quincena daremos comezo a actividade formativa específica para o 2017, ata o remate do Programa no mes de agosto.

Ata o momento, dende xaneiro, impartíronse algúns dos cursos programados a finais do ano pasado, como é o caso de "Inglés básico" e "Habilidades sociais para o emprego. Coaching e motivación para a procura de emprego", os dous con moi boa aceptación e valoración polos participantes que asistiron.

FORMACIÓN PARA A PROCURA DE EMPREGO

Do mesmo xeito, levamos a cabo os tres primeiros obradoiros de este ano orientados á procura activa de emprego: o primeiro foi o de "Entrevistas de traballo e procesos de selección" e os seguintes, dúas edicións de "Elaboración de CV  e procura de emprego por Internet".

A obxectivo destes obradoiros é que os participantes no Programa incorporen no seu "Itinerario Personalizado de Inserción" as ferramentas e recursos necesarios para mellorar a súa busca activa de emprego, de xeito que lles permitan aumentar as posibilidades de atopar un posto de traballo ("empregabilidade").
Seguiremos programando nos vindeiros meses novas edicións dos xa impartidos, para que a maioría de participantes podan asistir, así como algún outro máis, como por exemplo, o de "Marca persoal. Uso das redes sociais para a procura de emprego" e os destinados aos interesados no Autoemprego.

FORMACIÓN ESPECÍFICA
No que respecta a cursos específicos, orientados a postos de traballo concretos, a programación de 2017 será a seguinte:

"Auxiliar sección produtos frescos - Pescadería" (60 horas + 25 horas prácticas)
"Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais" (80 horas + 50 horas prácticas)
"Monitor de transporte e comedor escolar" (60 horas + 20 horas prácticas), complementado co de "1º auxilios en educación infantil" (20 horas)
"Manexo de plataforma elevadora" (20 horas)

Os 3 primeiros incorporan a realización de prácticas non laborais en empresas da contorna. 

"Manexo de plataforma elevadora" trátase dun curso homologado (Norma UNE 58923) e capacita aos participantes que o superen no manexo das dúas modalidades de plataformas elevadoras: plataforma articulada ou telescópica e plataforma de tixera.

FORMACIÓN TRANSVERSAL
Do mesmo xeito, e como "continuación" ao curso de "Inglés básico" impartido en xaneiro, programaremos un curso de "Inglés medio. Atención ao público" (40 horas).

E a FORMACIÓN ON LINE, a través dos cursos dispoñibles na plataforma de teleformación, onde cada participante pode ir realizando ao seu ritmo os que lle interesen e sirvan como complemento ao seu perfil profesional. 

Ao mesmo tempo, seguimos coas titorías individuais, cos contactos coas empresas (prospección e intermediación), co asesoramento para o autoemprego para os interesados, así como facilitando información e axuda noutros procesos (acreditación de competencias profesionais, competencias clave, etc.)