venres, 26 de xaneiro de 2018

INICIO DO PIE INSERAMES BRION X

Comeza unha nova edición do Programa Integrado Inserames-Brión. Xa imos polo X Programa, e nesta ocasión volve a ter unha duración de 12 meses, dende o pasado 1 de decembro ata o 30 de novembro de 2018.

O Programa segue a ser unha iniciativa conxunta dos Concellos de Ames e Brión ao abeiro da ORDE do 11 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2017 e 2018 (DOG de 19 de xullo de 2017).

Ao longo do pasado mes de decembro estivemos completando o proceso de selección dos 85 participantes no Programa, cos candidatos remitidos pola oficina de emprego. Os requisitos que deben cumprir nesta edición son: estar inscritos como demandantes de emprego e ser menores de 30 anos. Ademáis, o 70% deberán ter unha formación rematada máxima de Bacharelato, mentres que as restantes prazas poden estar cubertas por participantes con calquera titulación.

Ao mesmo tempo iniciamos a primeira rolda de titorías de orientación (entrevistas de acollida e diagnóstico) , na que imos coñecendo aos participantes, o seu perfil formativo e profesional, as súas expectativas, e establecendo dacordo con cada un, os primeiros pasos a dar no seu itinerario de inserción.
O obxectivo prioritario do Programa Integrado é que, co desenvolvemento das diferentes actividades que cada participante acorde realizar cos titores, mellore a súa empregabilidade para acadar un posto traballo o antes posible.

Qué actividades se van a desenvolver? 
  • Información, orientación e asesoramento – Titorías individuais para levar a cabo o Itinerario Personalizado de Inserción de cada participante, e dicir, asesoramento e acompañamento permanente no proceso de procura de emprego.

  • Formación transversal – Novas tecnoloxías, idiomas, prevención de riscos, manipulador de alimentos, obradoiros para a busca activa de emprego, etc.

  • Formación en habilidades sociais e coaching e motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea.

  • Obradoiros de habilidades sociolaborais e de entrevistas

  • Fomento da capacidade emprendedora

  • Prospección empresarial.

  • Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

  • Formación para o emprego

  • Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas.
     
  • Talleres sobre mobilidade laboral
 Nas próximas semanas iremos informando sobre os calendarios das actividades.